logo Conselleria
logo SERGAS

Espazo para asociacións de doentes

Presentación

A Liga Reumatolóxica Galega é unha asociación sen ánimo de lucro formada por persoas con enfermidades reumáticas, familiares e profesionais, que traballa co obxectivo de ofrecer soporte e asesoramento á persoa afectada por unha enfermidade reumática, e ao seu entorno familiar. Dende a súa fundación no ano 1996, a súa actividade diríxese a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por calquera tipo de doenza reumática. A Liga Reumatolóxica Galega representa ao colectivo de persoas con enfermidades reumáticas ante a Administración, Institucións e ante a Sociedade, co fin de sensibilizar aos poderes públicos e á poboación xeral da importancia que teñen os reumatismos, para favorecer a investigación sobre as causas deste tipo de enfermidades e sobre novos tratamentos para combatelas.

O feito de chamarse liga en lugar de asociación responde a que traballa para combater non só unha enfermidade reumática, senón a todas as enfermidades relacionadas co aparello locomotor, que son máis de duascentas. En España existen outras ligas autonómicas como son a Catalana, a Andaluza, a Asturiana, a Valenciana…

A Liga Reumatolóxica Galega é socia fundadora de CONFEPAR (Confederación Española de Pacientes Reumáticos), asociación que pretende agrupar os esforzos das asociacións de ámbito local ou autonómico que loitan contra as enfermidades reumáticas e as súas consecuencias.

Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde

Xunta de Galicia