ASBIGA (Asociación Bipolar de Galicia) é unha entidade sen ánimo de lucro fundada no ano 2003 por un grupo de persoas afectadas polo trastorno bipolar.
A asociación está aberta ás persoas diagnosticadas e ós seus achegados, pero tamén ós profesionais da saúde mental e a calquera persoa interesada nos servizos sociosanitarios.
As nosas actividades céntranse na formación dos afectados e familiares, para mellora-la súa calidade de vida, e na divulgación, que intenta acabar cos mitos e co estigma que rodean ó trastorno bipolar. Estas son as principais:
- Grupos de axuda mutua (GAM) para afectados e familiares nas cidades da Coruña, Lugo, Santiago de Compostela e Vigo. Os interesados en acudir ós GAM deben facer primeiro unha entrevista cun psicólogo de ASBIGA (para concertala, chamade ó teléfono da asociación).
- Cursos de psicoeducación, onde se adquire un mellor coñecemento do trastorno bipolar e onde se aprenden habilidades para o autocontrol dos seus síntomas.
- Servizo de información, orientación e asesoramento sobre aspectos relacionados co trastorno bipolar e co seu tratamento.
- Campañas de divulgación e concienciación do trastorno bipolar, principalmente mediante a distribución de folletos informativos e charlas.