Resolución do 12 de febreiro de 2010, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se fan públicos os acordos dos tribunais que xulgan o proceso selectivo para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatuario do Servizo Galego de Saúde, relativos á baremación provisional da fase de concurso.

 

O punto 5º da base sexta B) das diversas resolucións da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde do 11 de decembro de 2008 (DOG nº 247, do 22 de decembro) polas que se convoca concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, dispón que realizada polo tribunal a baremación correspondente da fase de concurso, publicarase a mesma no Diario Oficial de Galicia con indicación da puntuación obtida por puntos, así como a valoración total da fase de concurso, para os efectos de que os aspirantes que o consideren oportuno poidan presentar reclamación ante o propio tribunal, polo tanto este centro directivo

 

RESOLVE:

 

Primeiro.-Publicar as puntuacións obtidas polos aspirantes das categorías de facultativo/a especialista de área de cirurxía xeral e aparello dixestivo, facultativo/a especialista de área nefroloxía, facultativo/a especialista de área de psiquiatría e facultativo/a especialista de área de xeriatría de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, dos diversos procesos selectivos convocados polas diversas resolucións da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde do 11 de decembro de 2008 (DOG nº 247, do 22 de decembro), nos taboleiros de anuncios dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na súa páxina web www.sergas.es relativas á baremación provisional da fase de concurso, nas distintas epígrafes e a valoración total, indicando ademais, se é o caso, a relación de aspirantes excluídos da fase de concurso por non achegar a documentación requirida ou por non cumprir os requisitos da convocatoria.

 

Segundo.-Abrir o prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para que os interesados poidan presentar, de ser o caso, reclamación contra a puntuación outorgada nesta baremación, dirixida expresamente á Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde.

 

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2010.

 

Esperanza Fernández Lago

Directora de Recursos Humanos